MULLERES NA SANIDADE, EXEMPLOS QUE INSPIRAN


“MULLERES NA SANIDADE, EXEMPLOS QUE INSPIRAN”

Grazas a subvención do transporte por parte da ANPA, o luns 9 de marzo do 2026, o profesorado e alumnado de 2º de ESO e 3º de PDC acudiron ao Hospital da Barbanza para participar nun acto enmarcado no 8M titulado “Mulleres da sanidade, exemplos que inspiran”. No acto, falaron 8 mulleres que traballan no hospital e que ostentan diferentes cargos: médica-pediatra, cociñeira, limpadora, enfermeira, técnica de raios, técnica de radio-diagnose, técnica de laboratorio e administrativa. Todas elas falaron do seu traballo, de todo o esforzo e sacrificio que fixeron para chegar a onde están, da súa etapa nos últimos anos de instituto e das dúbidas que lles foron xurdindo con respecto ao seu futuro profesional cando estaban a estudar. Animaron o alumnado a que se esforzase e a que estudase para acadar os seus obxectivos e a que nunca se rendesen na loita polos seus obxectivos.

Ademais, ao longo das súas intervencións tamén destacaron a importancia do traballo en equipo dentro do ámbito sanitario e o valor de todas as profesións que forman parte dun hospital, xa que cada unha delas é imprescindible para o seu correcto funcionamento. O alumnado tivo a oportunidade de coñecer de primeira man as diferentes saídas profesionais e de comprender mellor o esforzo que hai detrás de cada unha delas.

O acto resultou moi enriquecedor e inspirador, xa que permitiu reflexionar sobre o papel das mulleres no mundo laboral e, especialmente, no ámbito sanitario. Sen dúbida, foi unha experiencia moi interesante que serviu para conmemorar o Día Internacional da Muller e para animar o alumnado a seguir formándose e loitando polo que queren.