RECORTES NO NOSO CENTRO!


Lamentamos informar que a “tesoira en educación” da Xefatura Territorial alcanzou ao noso centro educativo dun xeito realmente lesivo.

O IES Nº1 de Ribeira contaba cunha dotación previa á pandemia de 72 docentes. O ano pasado, despois dunha dura loita, conseguíronse só 4 docentes máis para facer os desdobres necesarios para dar cumprimento á normativa vixente en materia de prevención e protección fronte á covid19.

A semana pasada, a Dirección do centro foi informada pola Inspectora de Educación, de que o seu cadro de persoal ía ser reducido a tan só 66 docentes. O que supón a perda de 10 mestres e mestras!

10 postos de traballo que a Xefatura Territorial da Coruña considera “prescindibles”, e que sen embargo, se traduce nunha IMPOSIBILIDADE de manter a organización actual do centro.

Con tan só 66 docentes o centro non pode garantir todos os puntos descrito no PEC (Proxecto Educativo do Centro) de obrigado cumprimento exixido pola propia Consellaría de Educación.

Tras un primeiro estudo das repercusións e das consecuencias deste recorte no Instituto (sen contar que é posible que algo se nos poida escapar) resumimos:

Pérdense 2 aulas na ESO, unha en 1ºESO e outra en 2ºESO. Dous agrupamentos creados para dar atención ao alumnado con dificultades no aprendizaxe (punto descrito no PEC do IES Nº1).
Non se poderán realizar os Laboratorios de Idiomas, Tecnoloxía, Bioloxía e de Física e Química, que se viñan facendo coma unha gran mellora na calidade desas materias.
Tampouco se poderán realizar as clases de alfabetización, tanto para o alumnado estranxeiro coma para os adultos, fundamentais para lograr a integración destas familias (dentro do PEC).
Tampouco será posible a atención ao alumnado con materias pendentes.
Agardamos que finalmente tampouco se vexan mermadas as materias optativas ofertadas para este ano académico polo centro. Pois era, ata agora, un centro de referencia polo número e tipo de optativas que impartía, e que atraía matrículas de moitos estudantes, incluso de fora do Concello. Pois aquí tiña a oportunidade de estudar materias que ningún outro centro ofertaba e melloraba considerablemente a súa formación de cara os estudos futuros.
As aulas masifícanse con ratios rozando os máximos en 1º e 2º da ESO (26-28)
En plena pandemia, non se pode garantir en todos os postos de estudo a distancia mínima de seguridade exixida pola propia Consellaría (que este ano baixa a 1.20m) polo que a única opción e aumentar o número de mamparas dentro das aulas. É dicir, aumenta o risco de contaxio (entre o alumando e os docentes) e diminúe as condicións óptimas de aprendizaxe na aula.
Non hai mestres/as suficientes para realizar todas as gardas necesarias, polo que, non se vai poder garantir o control do cumprimento das medidas para a protección e prevención da covid19 do Plan de Adaptación do centro (de obrigado cumprimento, tamén exixido pola propia Consellaría). Pois non hai persoal suficiente para vixiar as zonas do patio durante os recreos, a biblioteca, os corredores, as aulas de convivencia, a substitución nas aulas por ausencias…
Tememos pola saúde dos docentes, que se verán cunha carga laboral moi superior ao do ano pasado, non só polo número de alumnos dos que son responsables de garantir a súa educación, se non tamén pola sobrecarga nas horas e dobraxes que deberán facer ao longo do curso. Veranse frustrados por non acadar os seus propios obxectivos profesionais. Aumenta o risco de baixas e polo tanto, aumenta seriamente a dificultade para ser cubertos ou substituídos.

Pero o máis importante é, que vai supoñer unha importante merma na calidade na Educación dos estudantes do IES Nº1 de Ribeira!!

E por si todo isto non fose bastante do que avergoñarse… Non temos garantías de dispoñer do persoal de apoio (PTs) suficientes no servizo de Orientación do centro para o vindeiro curso, pois, aínda que non é de todo oficial por parte da Xefatura Territorial, a Inspección ven de avisar que o máis probable é que perdamos 1 das dúas PTs coas que contaba o centro este ano. A pesares de contar con máis de 40 alumnos/as con NNEE (necesidades especiais) detectadas e moitas aínda sen determinar.

Pola nosa banda, a Xunta Directiva da ANPA Caramecheiro e a Dirección do Centro do IES Nº1 de Ribeira, estamos a traballar dentro de todas as liñas posibles para loitar contra esta que consideramos malísima decisión da Xefatura Territorial e conseguir a lo menos recuperar o cadro de persoal previo á pandemia.

Seguiremos informando segundo aia novidades,

Un saúdo e moito ánimo a todas as familias e docentes,

En Ribeira, a 29 de Xuño do 2021
A Xunta Directiva da ANPA Caramecheiro do IES Nº1 de Ribeira