Convivencia positiva e prevención do acoso escolar


A ANPA Caramecheiro do IES Nº1 de Ribeira seguimos loitando contra o Acoso Escolar, esta vez, co noso Programa anual de Convivencia Positiva que se celebrará durante este mes de febreiro, grazas as axudas SI449B dirixidas ás asociacións de nais e pais do alumnado de centros educativos de Galicia coa finalidade de potenciar a promoción da igualdade e a prevención da violencia de xénero da Consellería de Politica Social e Igualdade da Xunta de Galicia.

Un dos mecanismos fundamentais de prevención do Acoso Escolar xira en torno a crear nas aulas espazos de convivencia satisfactoria e respectuosa, o que esixe abordar o que significa o conflito e as diferentes estratexias deafrontamento, e como inflúe nas dinámicas das aulas.

Neste senso, un dos elementos fundamentais do traballo no Programa de Convivencia Positiva e Prevención do Acoso Escolar, xira en torno á identificar posibles situacións de conflito nos diferentes grupos de 1º de ESO e percepcióndo alumnado en relación ao clima e a convivencia na aula.

O segundo mecanismo de actuación do programa abordará de forma específica a problemática do acoso escolar, os impactos negativos que xenera, para que o alumnado sexa capaz de identificar as ferramentas que ten ao seu alcance para previr ou minimizar os efectos negativos do acoso escolar na vítima e no grupo-aula.

Deste xeito, o programa pretende xerar mecanismos útiles para o centro, na identificación de aspectos que están a funcionar positivamente nos diferentes grupos e cuestións que son preciso abordar para mellorar a convivencia nas aulas e no centro.

Os obradoiros constan de 4 sesións máis 1 de reforzo, dirixidas aos 3 grupos de 1º de ESO do IES nº 1 de Ribeira e establecerán un traballo estruturado ao redor dos seguintes contidos:

•⁠  ⁠Que é o conflito?. Identificación do conflito na nosa realidade cotiá.
•⁠  ⁠Estratexias de afrontamento do conflito: A colaboración e a cooperación fronte a evitación e a imposición.
•⁠  ⁠O método “todos/as gañan” fronte ao “gañar/perder”.
•⁠  ⁠Aprendendo a resolver pacificamente conflitos.
•⁠  ⁠Definición do fenómeno do acoso escolar: características xerais.
•⁠  ⁠Protagonistas dunha situación de acoso escolar: Vítima, acosador/a, alumnado observador…
•⁠  ⁠Como se sente unha vítima de acoso escolar?. Empaticemos!
•⁠  ⁠Que podemos facer ante unha situación de acoso escolar?

– Coñezamos as ferramentas que temos ao noso alcance: O punto laranxa.
– Xerar materiais para sensibilizar e concienciar.

O obradoiro remata cunha tarefa de aula dirixida a deseñar creatividades animadas para as RRSS con lemas de sensibilización e concienciación para a convivencia e a prevención do acoso escolar.

Estas tarefas serán revisadas na sesión de reforzo que se realiza quince días despois da última sesión.