Saída ao Teatro Compostela


O xoves día 5 de febreiro, a ANPA Caramecheiro, xunto co Departamento de Francés do IES Nº1 de Ribeira, organizamos unha saída para o alumnado que estuda francés en 1º de bacharelato para que poidan ir ao Teatro Compostela e visualizar a obra “Le Masque de Molière”, uns dos autores máis prolíficos da historia da literatura europea e francesa.

Con esta actividade, subvencionada pola Deputación da Coruña, pretendemos empregar o teatro coma forma de aprender Francés, Historia e Literatura, pero tamén comportamento social, a un pequeno grupo con diferentes niveis socioeconómicos e cun alumno neurodiverxente.

Antes da realización da función, a compañía encargada proverá ao alumnado participante material didáctico, co que se poderá preparar a saída e coñecer previamente os rasgos máis importantes do autor sobre o que vai versar a obra. Este traballo realizarase nas aulas do centro educativo.

Ao longo da peza, interpretaranse, combinando o castelán e o francés (30% e 70% respectivamente), varias das obras do autor, Dom Juan, Les Femmes savantes ou Tartuffe serán algúns dos títulos que se incluirán na representación.

Despois da realización da peza, o alumnado disporá de 10 minutos para estar cos actores e actrices que realizaron a función achegándolles as súas inquedanzas ou formulándolles dúbidas e suxestións.

Obxectivos:

Despertar interese pola cultura e aprender comportamento social: Na actualidade o alumnado en xeral amosa moi pouco interese pola cultura, pois a maneira que houbo ata o de agora de presentar a historia da literatura xa non provoca interese no alumnado. É onde formas coma o teatro aparecen e, onde poden aprender non só aspectos culturais e literarios, mais tamén as formas sociais de comportarse no teatro, o seu funcionamento e relacionarse con outras persoas da súa idade.

A escoita activa en francés: A aula é un espazo moi reducido para a práctica das competencias orais da lingua. Son moitas as actividades que non se poden realizar na aula por ter que atender outros aspectos da lingua, coma os aspectos gramaticais e de léxicos que son fundamentais para a comunicación efectiva. É por iso que o feito que o alumnado poida escoitar durante 50 minutos conversacións en francés será algo moi positivo para a súa aprendizaxe.

Dende a ANPA e o departamento de francés consideramos que esta actividade pode repercutir de maneira moi positiva no alumnado participante tanto dende un punto pedagóxico, aprendendo, inmersos nunha actividade en lingua francesa, aspectos literarios e culturais novos; mais tamén dende un punto de vista persoal, o que lles permitirá crecer interiormente.